De todos son sabidos os efectos tráxicos que ten o uso de formatos propietarios ou incompatibles cando se produce unha catástrofe natural, como foron os casos do terremoto/tsunami no índico en 2004 e o furacán Katrina nos EE.UU. en 2005. Como informou o ePolicy Group xusto despois de producirse o tsunami de 2004:
"As axencias de resposta inmediata e os grupos non gobernamentais son incapaces de compartir información vital para os esforzos de rescate. Cada unha usa diferentes formatos de datos e documentación. As operacións de socorro son máis lentas, a coordinación é complicada. A necesidade de normas comúns e abertas para a xestión de desastres nunca tiña sido máis necesaria e obrigada". [1]
5 anos máis tarde, na presente traxedia de Haití, as cousas parece que melloraron moito neste eido:
OpenStreetMap
Como informa Mikel Maron, ás 21:45 do 14/01/2010 xa se tiñan rexistradas máis de 400 sesións de edición en OpenStreetMap dende o comezo do terremoto. A actividade dos "mapeadores" de OpenStreetMap, agrupados nunha lista de crise, estase centrando na identificación e marcado de edificios destruídos, no posicionamento de hospitais, campamentos de asistencia a vítimas, etc.
Moitos grupos de rescate están consultando os datos de OpenStreetMap.org e pedindo que se engadan características particulares. Ducias de "mapeadores" e desenvolvedores están axudando na coordinación do Proxecto Wiki de OpenStreetMap para Haití, no seu IRC e na lista de discusión de OpenStreetMap, subindo actualizacións cada 5 minutos de mapas en formatos Shapefile e Garmin (listos para ser usados nos GPS), e incluso mapas en relieve da zona afectada polo terremoto.
É incrible o progreso, en tan só 48 horas, do OpenStreetMap para a zona do desastre, como se pode apreciar nas dúas capturas que amosamos a continuación:
Antes do terremoto:
48 horas despois do terremoto:
E isto non parece máis que o comezo do esforzo da comunidade de OpenStreetMap coa que esperan contribuír ao enorme traballo de rescate e reconstrución que queda por diante en Haití.
Sahana
Sahana é un aplicativo de Software Libre resultado dun proxecto que naceu precisamente dos problemas de incompatibilidades e uso de formatos propietarios durante as misións de axuda cando o tsunami do índico en 2004.
Os obxectivos de Sahana son:
1. Obxectivo principal: Axudar a aliviar o sufrimento humano e a salvar vidas a través do uso eficiente das TIC durante un desastre.
2. Favorecer a colaboración entre os distintos actores, incluíndo ao goberno, axencias de emerxencia, ONG's, voluntarios espontáneos e vítimas, respondendo a un desastre con efectividade.
3. Fortalecer ás vítimas, aos seus familiares e achegados, para axudarlles a valerse por si mesmos.
4. Protexer os datos das vítimas e reducir as posibilidades de mal uso desta información.
5. Fornecer dunha solución Libre e de código aberto, dispoñible para calquera persoa.
Os esforzos que está a levar a comunidade Sahana para a traxedia de Haití están sendo centralizados nunha wiki, así como no uso do canal IRC #sahana.
[1] Pamela Jones - When Open Standards Really Matter - The Katrina Factor - 13/09/2005












Sahana
Grazas, primeiro polo artigo e segundo porque non coñecia a aplicación SAHANA, unha app que sen dúbida debe seguir adiante, e para elo debemos aportar todos un pouco, nonsi¿?.
Sahana
Pois si.
Na vida diaria, os formatos privativos fan perder millóns de euros - a parte de a paciencia :-( -. Pero no caso de traxedias, causan aínda máis sofremento nas vítimas e a perda de vidas, e iso non ten comparación coas perdas económicas, é obvio.
Moi completo e documentado
Moi completo e documentado artigo. Grazas.
Roberto
Moi interesante
Tes tamén o meu agradecemento e parabéns.